O Consello de Campus de Pontevedra celebrou este venres a súa sesión constitutiva tras as eleccións á Reitoría, seguida da primeira xuntanza ordinaria deste órgano colexiado. O encontro permitiu afondar nos traballos que se están a desenvolver para o impulso do Campus Crea, co obxectivo de enfrontar en 2028 o proceso de acreditación como campus de especialización do Sistema Universitario de Galicia (SUG). A reitora, Carmen García Mateo, e a vicerreitora do campus, Marián Fernández, sinalaron as diferentes liñas de actuación.
Neste sentido, Fernández explicou que se solicitou á Xunta de Galicia "a activación do protocolo xeral de actuación para o desenvolvemento dun plan de reforzo do Campus Crea". Tamén se definirá un "protocolo de colaboración" coa Universidade Técnica do Porto para ter un socio en "actividades de docencia, investigación e transferencia" na Facultade de Media Artes e Design. Ademais, trabállase nun protocolo de uso dos espazos do Centro Internacional de Creatividade Maruxa Mallo para o proxecto de especialización.
A sesión abriuse co informe da reitora, García Mateo, quen destacou as cifras de matrícula do presente curso. A taxa de ocupación das prazas de grao de novo ingreso situouse no 106% (820 de 770 prazas ofertadas), mentres que nos mestrados cubríronse 302 de 316 prazas (95,6%), superando a media da Universidade (88%). A UVigo tamén medra como destino internacional, con 362 estudantes de 35 países neste cuadrimestre, 56 dos cales no campus pontevedrés.
A reitora tamén salientou a sinatura dun convenio co Concello de Pontevedra para o impulso da Cátedra PonteActiva, e informou da última reunión da rede de universidades europeas Athena e dunha xuntanza do Consejo de Universidades sobre a regulación das avaliacións do persoal docente e investigador. Destacou ademais os premios recentes a tres profesoras: Almudena Fernández Fariña (Premios da Cultura Galega 2026 en artes plásticas), Beli Martínez (Premios da Crítica de Galicia en artes audiovisuais) e Mar Caldas (Premios da Crítica de Galicia en artes plásticas).
Pola súa banda, a vicerreitora detallou actuacións en gobernanza, infraestruturas e cultura, incluíndo a constitución dun grupo de traballo co Concello para a integración urbana e expansión do campus, e investimentos na mellora da climatización do Pavillón Universitario e do cubo do patio de Belas Artes.




