O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, deu a coñecer en Tomiño os datos da segunda edición do programa Bono Emancípate, que este ano recibiu 3.624 solicitudes. A iniciativa, destinada a mozos e mozas de entre 18 e 35 anos, busca complementar outras políticas de vivenda e acompañalos no inicio dos seus proxectos de vida nun fogar propio.
Tras a validación das peticións, as axudas distribuíronse entre 717 persoas que optaron polo réxime de alugueiro, recibindo 1.500€, e 649 que adquiriron unha vivenda propia, con 3.000€ cada unha. Estas contías están destinadas á compra de mobiliario, electrodomésticos e enxoval.
O conselleiro sinalou que a alta demanda motiva a continuidade do programa, para o que xa están consignados 3 millóns de euros nos orzamentos de 2027. As axudas, concedidas seguindo a orde de chegada das solicitudes e cumprindo requisitos como ter entre 18 e 35 anos e unha fonte regular de ingresos, fanse efectivas a través dunha tarxeta virtual utilizable ata o 31 de decembro en establecementos con sede física en Galicia.




