A recollida de xoguetes estará aberta ata o vindeiro 27 de novembro. As persoas que desexen colaborar poderán entregar as súas doazóns de luns a venres. Os xoguetes poderanse depositar no Pazo Besada en horario de mañá e na Casa Rosada pola tarde.
A concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, destacou o compromiso e a sensibilidade social da veciñanza de Poio, e fixo un chamamento á participación cidadá para facer felices a todos os nenos que viven en fogares con necesidades especiais. Agradeceu tamén a colaboración desinteresada de Silvia Ramírez, veciña de Samieira, que apoiará a campaña municipal.
Recolleranse diversos artigos como xogos de mesa, bonecos, peluches, crebacabezas, xogos de construción, libros, disfraces e material deportivo. É requisito indispensable que todos os artigos estean limpos, en bo estado e con todas as pezas.
Unha vez finalizada a fase de recollida, o persoal de Servizos Sociais do Concello de Poio será o encargado de repartir os xoguetes entre os beneficiarios antes da chegada do Nadal.




