A convocatoria, desenvolvida en colaboración coa Axencia Galega de Innovación, da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, está dirixida a persoas con título universitario. O programa formativo terá unha duración de 12 meses na propia oficina da FGE en Bruxelas, coa posibilidade de realizar períodos formativos na sede da Axencia Galega de Innovación en Santiago de Compostela.
A incorporación da persoa bolseira está prevista para decembro deste ano. As persoas interesadas poderán presentar as súas candidaturas ata o 2 de novembro, a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta.
Esta iniciativa forma parte do programa anual de bolsas de formación en proxectos europeos impulsado pola FGE, centrado na innovación, a investigación e o seguimento das políticas comunitarias. Súmase a outras bolsas xa autorizadas este ano, como as destinadas a facilitar a especialización en políticas e dereito da Unión Europea.




