A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, presentou alegacións ao borrador de Regulamento interno de organización e funcionamento da Comisión de Directores Xerais de Transporte Terrestre do Estado e das Comunidades Autónomas. Este órgano será sometido á aprobación dos seus membros na reunión prevista para o vindeiro mércores.
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, rexeitou que o Goberno central "pretenda impoñer ás comunidades un regulamento de funcionamento marcadamente centralizado, controlando unha vez máis un órgano que debe ser de participación autonómica". O Goberno galego considera que o texto debe evitar unha configuración excesivamente centralizada e garantir que as comunidades autónomas teñan un peso efectivo no seu funcionamento.
Non é a primeira vez que a Xunta reclama maior participación. En xullo, na Conferencia Sectorial de Transportes, xa defendeu unha maior implicación das comunidades nos novos órganos de gobernanza previstos na Lei de Mobilidade Sostible, criticando a creación de órganos como o Consello Superior de Mobilidade Sostible ou o Foro Territorial onde as comunidades perden peso.
No caso da Comisión de Directores Xerais, a Xunta considera que debe ser un verdadeiro foro multilateral e de coordinación. Reclama que as comunidades autónomas poidan participar desde o inicio na preparación dos asuntos, na determinación das prioridades de traballo e na formación das posicións comúns, e non limitarse a opinar sobre propostas xa definidas.
Ademais, a Xunta pide unha maioría cualificada para modificar as regras básicas de participación e adopción de acordos, fronte á maioría absoluta actual, para garantir a estabilidade das regras que regulan a presenza e os dereitos das comunidades autónomas.
Proponse tamén reforzar a presenza autonómica na dirección da Comisión. Considera que a Vicepresidencia, que corresponde a unha persoa representante dunha comunidade autónoma, debe ser elixida mediante votación dos membros, garantindo a participación en igualdade de todos os representantes. A Xunta lembra que a Presidencia lle corresponde ao Estado e a Secretaría é designada polo persoal da Dirección General de Transporte por Carretera y Ferrocarril.
En canto aos grupos de traballo, as alegacións reclaman que se garanta a representación efectiva de todas as administracións afectadas e que as comunidades autónomas poidan incorporar expertos.
A Xunta tamén incide no tratamento das recomendacións e ditames. Aínda que o borrador establece que non son vinculantes, o Goberno galego advirte de que a referencia á execución pode converterse nun mecanismo indirecto de control. Pide que o regulamento deixe claro que estes instrumentos non poden ser obrigatorios nin utilizarse para fiscalizar as competencias de cada administración.
As alegacións buscan consolidar unha Comisión onde o Estado e as comunidades participen en igualdade e a coordinación se desenvolva desde o respecto ás competencias propias de cada administración.




