Con motivo do Día Mundial da Menopausa, que se conmemora hoxe, 18 de outubro, a Xunta de Galicia reforza o seu compromiso coa promoción da saúde durante esta etapa vital. A iniciativa busca ofrecer información rigorosa, previr problemas de saúde e mellorar o benestar das mulleres.
A Dirección Xeral de Saúde Pública e a Cátedra Vida Saudable da Universidade de Santiago de Compostela colaboran na elaboración de miniguías e infografías divulgativas. Estes materiais abordan aspectos clave como o descanso, o benestar emocional, a memoria, a alimentación, a actividade física e a saúde ósea e cardiovascular.
A menopausa pode ter repercusións en diferentes dimensións da saúde, desde o descanso e o benestar emocional ata a calidade de vida. A pesar diso, persisten dúbidas e mitos que dificultan que moitas mulleres dispoñan de información fiable para comprender os cambios que experimentan e tomar decisións informadas sobre a súa saúde.
Os materiais están a ser desenvolvidos por un equipo multidisciplinar de profesionais de xinecoloxía, neuroloxía, nutrición e fisioterapia, liderado pola doutora Victoria Sampayo. Esta colaboración marca o inicio dunha liña de traballo orientada a garantir que a promoción da saúde estea presente tamén durante a menopausa, facilitando o acceso a información contrastada e promovendo hábitos saudables.
Coa posta a disposición destas ferramentas, a Xunta busca acompañar ás mulleres nas distintas etapas da súa vida, ofrecéndolles recursos para coidarse e previr problemas de saúde. As miniguías e infografías estarán dispoñibles nas webs da Cátedra Vida Saudable da Universidade de Santiago de Compostela e da Dirección Xeral de Saúde Pública.




