A Consellería de Sanidade, a través da Xunta de Galicia, publicou no Portal de Contratos de Galicia a adxudicación á empresa CIE Tenoologías SLU do equipamento necesario para a posta en marcha do Centro de Procesamento de Datos do Hospital Público Novo Montecelo. O importe da adxudicación ascende a 626.974 euros.
Esta nova infraestrutura tecnolóxica é considerada esencial para dar soporte ás aplicacións corporativas, comunicacións e servizos dixitais do Servizo Galego de Saúde. O obxectivo principal é dotar o hospital pontevedrés dun equipamento de vangarda que garanta a eficiencia enerxética, o aumento da dispoñibilidade dos servizos TIC e a implementación de tecnoloxías emerxentes.
O Centro de Procesamento de Datos do Novo Montecelo contará con áreas especializadas para servidores, backup, salas LAN e WAN, e sistemas de alimentación ininterrompida. Incluirá a instalación de armarios rack e o despregamento dunha rede de cableado de cobre e fibra óptica para a integración coa rede corporativa do Sergas.
O material adxudicado deberá estar instalado e operativo nun prazo máximo de seis meses, garantindo que todos os compoñentes sexan de última xeración e dispoñan de soporte técnico estendido.




