O Instituto de Investigación en Saúde Global e Desenvolvemento Sostible iTERRA pon en marcha a iTERRA Talent Week, unha iniciativa que busca achegar o mundo da investigación ao estudantado universitario. Durante cinco días, os participantes poderán coñecer de preto o labor investigador que se leva a cabo no Campus de Lugo, interactuar cos grupos do instituto e vivir experiencias deseñadas especificamente para eles.
Segundo sinala Marta López, directora do iTERRA da USC, o obxectivo é "non só coñecer a investigación, senón que se poida participar nela e descubrir se chegará a formar parte do futuro académico ou profesional das persoas participantes". Os detalles sobre o procedemento de inscrición e os prazos están dispoñibles na páxina web do evento.
A xornada de presentación terá lugar o luns 28 de setembro, ás 13.00 horas, na sede do iTERRA (Pavillón 4 da Facultade de Veterinaria, 3º andar). Neste encontro daranse a coñecer os grupos participantes, as actividades programadas e resolveranse as dúbidas sobre os itinerarios, ademais de recoller o Pasaporte iTERRA Talent Week.
Do 29 de setembro ao 1 de outubro, desenvolveranse os obradoiros e as experiencias prácticas. Os asistentes poderán elixir entre diversas propostas, como "talleres prácticos, demostracións, visitas a laboratorios, experiencias de campo, análise de datos, técnicas experimentais e moito máis", segundo explica a profesora Marta López.
O venres 2 de outubro, tamén ás 13.00 horas no iTERRA, celebrarase un encontro informal baixo o título "conversa con persoal investigador entre petiscos". Esta actividade busca ofrecer un espazo para preguntar sobre iniciación á investigación, bolsas, contratos, doutoramento e oportunidades profesionais nun ambiente distendido.
As persoas participantes deberán indicar as súas preferencias de actividades, tendo en conta que algunhas experiencias teñen prazas limitadas. A organización elaborará os itinerarios finais baseándose nestas preferencias, a compatibilidade horaria e a dispoñibilidade de prazas.




