Durante a súa intervención no I Congreso de Costas Canarias, celebrado nas Palmas, Paula Uría salientou que o traspaso a Galicia dos medios, funcións e servizos nese eido supuxo “un antes e un despois” para o litoral galego.
Explicou que desde xullo de 2025 avanzouse na consolidación dun modelo de xestión máis sinxelo, homoxéneo e accesible, citando como exemplos a solicitude electrónica única para autorizacións e concesións e a unificación de criterios técnicos, prazos e taxas nas tres provincias costeiras.
A Xunta tamén reforzou o acompañamento á cidadanía, concellos e tecido produtivo coa creación do portal Galicia litoral, dunha canle específica de información no 012, guías e xornadas formativas. En menos de 15 meses, Galicia tramitou xa 2.749 actuacións en materia de litoral.
Outras iniciativas destacadas son o Catálogo de bens de valor cultural no litoral de Galicia, que xa permitiu o cambio de uso do muíño de mareas de Cereixo (Vimianzo) a museo etnográfico, e o Camiño do Litoral, unha ruta de case 1.400 quilómetros desde Ribadeo ata A Guarda, que busca preservar e dinamizar a costa e sumar atractivo turístico.
Ademais, presentouse unha campaña de promoción turística para o Camiño do Litoral, que inclúe carteis con códigos QR, materiais para oficinas de turismo e cadernos de bitácora para os camiñantes.




