A profesora da USC Rosa Mª Regueiro Ferreira e o investigador científico do ICM-CSIC Josep Lloret Romanech dirixirán esta iniciativa, que se desenvolverá durante tres anos e conta co financiamento da Axencia Estatal de Investigación e o MITECO.
O proxecto PESCAEOLO centrarase nun estudo comparativo das afectacións biolóxicas, socioeconómicas, enerxéticas, extractivas e legais da enerxía eólica mariña en Galicia, Cataluña e Baleares. O obxectivo é recoller datos reais sobre o impacto desta tecnoloxía para informar os responsables políticos na planificación dunha eólica mariña sostible e xusta, no marco da futura lei dos océanos.
En concreto, analizaranse os efectos en tres zonas con alto potencial para a enerxía eólica mariña (ZAPER), identificadas nos plans de ordenación do espazo mariño aprobados en España no ano 2023: a NOR 1 en Galicia, a LEBA 1 en Cataluña e a LEBA 2 nas illas Baleares.
O equipo multidisciplinar estará composto por profesionais da USC, do ICM-CSIC, da Universidade de Girona, da Universidade de Barcelona, da Universidade Politécnica de Catalunya e o IEO-CSIC, ademais de investigadores contratados e asesores externos de prestixio internacional, e representantes das confrarías de pescadores e comunidades locais. Incluirá biólogos mariños, economistas, xuristas, enxeñeiros náuticos e técnicos ambientais, entre outras especialidades.




