O prazo para presentar candidaturas estará aberto ata o 1 de febreiro de 2027. Artistas ou colectivos vinculados ao contexto artístico galego poderán presentar as súas propostas, que explorarán novas maneiras de achegar á sociedade a investigación punteira en física.
A residencia desenvolverase de forma combinada entre as instalacións do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), situado no Campus Vida da USC, e a Cidade da Cultura de Galicia (Gaiás). O período de desenvolvemento será entre o 22 de marzo e o 30 de maio de 2027. A estadía no IGFAE poderá ser de entre tres e oito semanas, mentres que nos espazos do Gaiás poderá utilizarse por un tempo de entre unha e tres semanas.
O proxecto seleccionado recibirá unha achega económica de 8.000 euros para o seu desenvolvemento, ademais de aloxamento gratuíto e asesoramento científico e artístico. A obra finalizada será presentada nunha exposición no Gaiás a finais de 2027. Esta iniciativa é unha aposta conxunta do IGFAE, dirixido por Carlos Salgado, e da Fundación Cidade da Cultura, que dirixe Ana Isabel Vázquez.
A estadía no IGFAE, centro mixto da USC e a Xunta, permitirá aos artistas achegarse ás áreas de investigación do centro, os seus obxectivos, métodos e enfoques experimentais, poñendo en diálogo estas experiencias coa creación artística. No Gaiás, a proposta contará cos espazos, equipamentos e recursos técnicos necesarios para a súa materialización.
As áreas de investigación como os elementos fundamentais da materia, os primeiros instantes do Universo, a astrofísica, a teoría de cordas, a física nuclear, os raios cósmicos, os neutrinos, as ondas gravitacionais, o desenvolvemento de detectores e aceleradores de partículas, ou os avances en ciencia e tecnoloxía cuánticas, poderán servir de inspiración para as propostas creativas.
O formato do proxecto é totalmente aberto, podendo abarcar artes plásticas, fotografía, artes de acción, arte sonora, artes dixitais ou arte participativa, entre outras. Poderá ser unha obra totalmente nova ou a ampliación dun traballo en curso.
Na primeira edición, o proxecto seleccionado foi ‘Outro e sobre si’, do compostelán Andrés Rivas Rodís, quen explorou o concepto da superposición na teoría cuántica a través da pintura. O seu traballo será exposto o vindeiro mes de outubro no Museo Centro Gaiás.
O ArtLab é un espazo do IGFAE orientado ao diálogo entre arte e ciencia, que busca impulsar a reflexión, a imaxinación e o pensamento creativo. Proxectos anteriores inclúen 'Cosmoloxías' (con Irene Dubrovsky, 2019), 'Instrumentos de visión' (con Armin Linke, Mónica Bello, 2024) e ciclos como 'Transfronteirizas' (desde 2020). Esta iniciativa forma parte da aposta do IGFAE pola investigación e innovación responsables, recoñecida coas acreditacións María de Maeztu.




