A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada por membros do grupo CompostELA, recibiu hoxe a un grupo de 70 persoas con Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA). Este grupo, integrado por pacientes, familiares, coidadores e un equipo de gardas civís voluntarios, completou hoxe o seu traxecto de peregrinación desde O Cebreiro.
Durante o encontro, Fabiola García subliñou a importancia de dar visibilidade á ELA. Lembrou que Galicia é a primeira Comunidade Autónoma en ofrecer unha axuda directa de ata 12.000 euros ao ano para que as persoas diagnosticadas con esta doenza poidan facer fronte aos gastos asociados. Ademais, destacou a habilitación dunha vía preferente para a valoración da discapacidade e da dependencia.
“"A Xunta seguirá reclamando que as axudas estatais da Lei ELA sexan para todos os doentes e que non haxa limitacións á hora de utilizalas."
A conselleira tamén tivo unha lembranza para Susi Seoane, vicepresidenta de Agaela, falecida este ano, e agradeceu o labor de apoio dos membros da Garda Civil aos peregrinos. Reiterou o compromiso da Xunta na defensa dos dereitos e necesidades das persoas afectadas pola ELA.



