O PP presentou unha moción na Deputación de Ourense para instar o Goberno central a ampliar o prazo e flexibilizar os criterios da regularización extraordinaria de migrantes. O proceso, que comezou o pasado 16 de abril, remata o 30 de xuño, unha data que os populares consideran insuficiente ante o "colapso burocrático" actual.
A voceira popular, Patricia Torres, xunto con Lorenzo González, presidente da asociación ourensá-venezolana Alma Llanera, sinalou que a falta de recursos está a afectar especialmente aos residentes do rural. González lembrou o peso demográfico do colectivo na provincia: de 300.000 habitantes, 54.000 son estranxeiros, o que significa que un de cada cinco veciños na cidade de Ourense é de orixe inmigrante.
Ante a "forte dispersión poboacional" e as limitacións dos municipios pequenos, a administración provincial creou unha rede de atención urxente. Este equipo, composto por dez técnicos con horario ampliado, encárgase de asesorar e dixitalizar expedientes para que os solicitantes cheguen coa documentación completa ao Rexistro Electrónico de Estranxeiría (RECEX).
A iniciativa busca garantir que a falta de información ou a distancia física non impidan a ninguén acceder a esta "oportunidade histórica", co obxectivo de evitar que os dereitos das persoas dependan da súa proximidade a unha oficina administrativa ou da súa residencia nunha aldea ourensá.




