O Centro Dramático Galego (CDG) presentará do 1 ao 4 de outubro, no Salón Teatro de Santiago de Compostela, a coprodución ‘A Gaivota, ensaio aberto’. A montaxe realizou recentemente unha estadía técnica e artística na Cidade da Cultura, no marco do programa DescArtes.
Esta proposta conta coa colaboración de varias estruturas teatrais internacionais e dirección e dramaturxia compartidas entre o galego Santiago Cortegoso e o luso Neto Portela. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, visitaron os ensaios para coñecer o avance do espectáculo, que será unha das propostas inaugurais da tempada escénica 2026-2027.
‘A Gaivota, ensaio aberto’ é unha coprodución entre o Centro Dramático Galego, a compañía galega Crémilo, a portuguesa Colectivo 84, o Teatro San Martín de Buenos Aires ( Arxentina), o Teatro del Galpón de Montevideo (Uruguai) e outras entidades internacionais. O proxecto creouse nas Residencias ArtisTEA do Concello de Ponteareas e conta coa colaboración do Padroado da Cultura de Narón e do Ministerio de Cultura de Cabo Verde.
A partir do clásico de Antón Chejov, Santiago Cortegoso e Neto Portela abordan unha situación metateatral: a substitución das actrices principais na véspera da estrea. O resultado é un ensaio aberto que se converte en espectáculo, entrelazando fragmentos da obra orixinal rusa con experiencias persoais. O trío interpretativo está formado por Déborah Vukusic, Mercedes Castro e Uxía Suevos.
As localidades para as catro funcións xa están á venda na plataforma Ataquilla.




