Galicia busca consolidarse en Europa amosando a súa conexión única entre o xardín e a natureza, concibidos como unha forma de habitar o territorio. Do 1 ao 4 de outubro, Turismo de Galicia estará presente en Orticolario, a prestixiosa feira dedicada ao paisaxismo, o deseño de xardíns e a cultura botánica, que se celebra nos xardíns históricos de Villa Erba, á beira do lago de Como, en Italia.
Esta cita, que en 2026 celebra a súa décimo sexta edición, é un referente en Italia e Europa, atraendo a paisaxistas, viveiristas, deseñadores e amantes da natureza. As súas últimas edicións congregaron a máis de 250 expositores e un público especializado de alto poder adquisitivo, o que a converte nun escaparate idóneo para a proposta turística de Galicia, baseada na autenticidade e a excelencia da marca Galicia Calidade.
A Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia e con apoio de Turespaña, aposta por este evento para promover unha proposta turística Premium, buscando atraer visitantes de maior capacidade de gasto e experiencias singulares que incrementen o impacto económico do turismo.
O espazo galego en Orticolario, de 90 metros cadrados, recreará un antigo pazo abandonado onde a natureza reconquistou o espazo, fusionando vexetación, muros e pedra nunha atmosfera inmersiva. Alredor desta instalación, áreas de información turística presentarán o patrimonio natural e cultural de Galicia, os seus xardíns históricos, a camelia como emblema botánico, rutas paisaxísticas, gastronomía e un modelo de turismo sostible.
A artesanía galega terá protagonismo con demostracións en directo e obradoiros participativos inspirados na flora galega. Unha zona de 'Invernadoiro' ofrecerá degustacións de infusións de camelia e doces tradicionais galegos, evocando a hospitalidade dos pazos e os sabores característicos da comunidade.
A participación en Orticolario tamén servirá para reforzar a promoción de Galicia no mercado italiano, cun encontro dirixido a medios especializados en turismo, viaxes, estilo de vida e gastronomía. Esta acción enmárcase no Plan de Promoción Turística 2026, con máis de 150 accións internacionais.




