A Consellería de Sanidade de Galicia vén de participar nas xornadas europeas Praise-U e Praise-U+, encontros centrados en potenciar un modelo de cribado do cancro de próstata. O obxectivo é avaliar os resultados obtidos e identificar estratexias eficientes para a súa futura implantación en toda Europa.
Representantes da Dirección Xeral de Saúde Pública compartiron as experiencias da pilotaxe que se está a desenvolver en Galicia sobre o cribado do cancro de próstata con especialistas europeos. O programa galego de detección precoz presentouse na sesión "Implementation in practice: lessons from pilots sites", onde se detallou o desenvolvemento da pilotaxe e os retos e oportunidades atopados.
Durante as xornadas abordáronse temas cruciais na detección e tratamento do cancro de próstata, como o papel da resonancia magnética, a biopsia, a avaliación clínica e económica dos programas, a experiencia dos pacientes e a escalabilidade dos modelos piloto. Tamén se explorou a incorporación da intelixencia artificial na clínica e as desigualdades no acceso ao cribado como área de traballo principal.
O proxecto Praise-U+ representa unha nova fase que busca consolidar o coñecemento xerado polo proxecto Praise-U, desenvolvido durante tres anos e medio. Esta nova etapa centrarase na intelixencia artificial, a equidade no acceso aos cribados, o intercambio de datos e imaxes, a avaliación de custos e o desenvolvemento de estratexias para chegar a homes con dificultades de acceso aos programas de detección.
A participación da Consellería de Sanidade neste proxecto subliña o papel de Galicia no contexto europeo para avanzar cara a un novo modelo de prevención e detección precoz do cancro de próstata, integrando evidencia científica, innovación e a perspectiva cidadá para mellorar os resultados en saúde.




