O docente da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía e investigador do Cintecx da UVigo foi distinguido pola RAGC cunha das súas Medallas de Investigación, que recoñece a súa traxectoria no ámbito da enxeñaría mineira e da mecánica de rochas. A medalla, na modalidade de Ciencias Técnicas, será entregada durante o acto do Día da Ciencia en Galicia.
A RAGC destaca a contribución das investigacións de Alejano, membro do grupo GESSMin, á seguridade na enxeñaría mineira e civil, así como á eficiencia e sustentabilidade da industria extractiva, considerándoo unha figura relevante a nivel estatal e internacional.
Ao longo da súa carreira na Universidade de Vigo, Alejano impulsou a creación do Laboratorio de Mecánica de Rochas John Harrison, un referente internacional. Propuxo en 2007 unha metodoloxía para o control de desprendementos de rocha en canteiras, adoptada por empresas noutros países, e participou no estudo do comportamento de macizos rochosos afectados por incendios en Galicia.
Tamén colaborou co CSIC no estudo da extracción de ouro romana nas Médulas, achegando a mecánica de rochas á investigación arqueolóxica. Alejano cualificou a distinción como "unha grande honra", destacando a súa vinculación coa universidade galega e a súa familia con Galicia, sendo fillo dunha galega de Cambados.
O investigador sinalou que a medalla recoñece trinta anos de dedicación á formación de mozos e mozas galegos no eido da minaría. Este ano, a RAGC concedeu cinco Medallas de Investigación a científicos das universidades de Santiago de Compostela e Vigo, incluíndo a Rosa Crujeiras, Mabel Loza, Francisco Rivadulla e Sebastian Villasante, en ámbitos como as matemáticas, farmacoloxía, economía dos océanos e química de materiais.




