A reunión, que se desenvolve en modalidade híbrida, congrega durante dous días as novas persoas investigadoras sénior seleccionadas para formar parte deste programa. Participan presencialmente María Teresa Carrillo (USC), Sharafat Ali (Universidade de Linneo) e Susana Martínez Rodríguez (Universidade de Murcia). Tamén asisten dúas das primeiras Champions, Azucena Mora (USC) e Anna Maria Papini (Universidade de Florencia).
As/Os novas/os Champions foron recibidas/os pola reitora Rosa M. Crujeiras en San Xerome, quen louvou a iniciativa coordinada pola institución compostelá. Na xuntanza, explicáronlle os proxectos que desenvolverán en materia de materiais, dor crónica ou economía, que entroncan cos da primeira promoción.
O obxectivo do encontro é presentar os plans de acción dos/as novos/as Champions, identificar sinerxías e oportunidades de colaboración, e compartir as experiencias da primeira promoción. As/Os participantes actúan como embaixadoras/es da Alianza, impulsando a colaboración interdisciplinaria e a difusión de resultados da investigación relacionados co benestar.
O EUniWell Champions Scheme está coordinado pola USC no marco do Paquete de Traballo 8 (WP8), dedicado á investigación, innovación e emprendemento responsables, dentro do proxecto EUniWell-Weff da Alianza EUniWell.
A catedrática da Facultade de Psicoloxía María Teresa Carrillo toma o relevo da catedrática de Veterinaria Azucena Mora como representante da USC. Ao longo do curso 2026/2027 desenvolverá o seu plan de acción centrado en transferir coñecemento sobre a dor crónica para mellorar a calidade de vida das persoas que a padecen e sensibilizar sobre o impacto das enfermidades crónicas.




