A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático resolveu un novo título concesional, accesorio e complementario ás instalacións existentes, destinado a conducir ao mar as augas residuais industriais previamente depuradas.
A actuación prevista comprende unha tubaxe enterrada duns 435 metros, que discorre na súa maior parte polo Dominio Público Marítimo-Terrestre (DPMT), así como un difusor submarino de 13 metros. O caudal máximo diario previsto é de 119 m³.
A solicitude inicial fora presentada ante Costas do Estado no ano 2009. A concesión actual corresponde á ocupación do dominio público necesaria para instalar o emisario, asociado á fábrica de conservas que opera neste lugar desde 1906.
As obras deberán comezar no prazo de 12 meses e rematar antes de 24 meses. O título autoriza exclusivamente a ocupación do DPMT e non substitúe outros permisos necesarios.




