A sede Afundación Ourense acolle dende hoxe a exposición Nicolás Muller en Galicia, unha mostra que xa pasou por Santiago, Vigo, Lugo e Ferrol. A iniciativa, xestada no Museo Centro Gaiás, forma parte do programa de itinerancias da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou durante o acto "a importancia de tecer redes con organizacións que traballan para espallar proxectos desta índole por todo o territorio como é Afundación". Acompañárono Paloma Vela, coordinadora adxunta de Cultura de Afundación; Ana Isabel Vázquez, directora xerente da Fundación Cidade da Cultura; José María Jardón, director territorial de Abanca en Ourense; José Ferrero, comisario da mostra; e Ana Muller, filla do fotógrafo.
A exposición reúne medio cento de instantáneas tomadas por Nicolás Muller, un dos grandes documentalistas europeos do século XX, durante as súas viaxes á Comunidade. Anxo M. Lorenzo subliñou "o gran valor documental da obra de Muller, que retrata a Galicia dos anos 60 cunha fonda mirada humanista". Apuntou tamén que a mostra inclúe 34 imaxes inéditas, captadas durante a súa estancia en Ourense e procedentes do Archivo Regional de la Comunidad de Madrid.
Organizada pola Xunta de Galicia e Afundación, a exposición poderá visitarse ata o 9 de xaneiro de 2027. A mostra nace do proxecto "Nicolás Muller. Vento Norte", que se presentou no Museo Centro Gaiás en 2023 e atraeu máis de 14.000 visitantes. Tras o seu éxito, adaptouse para itinerar por outros espazos como o Museo do Mar de Galicia en Vigo, a sede de Afundación en Lugo, a Sede Afundación en Ferrol e, agora, a Sede Afundación en Ourense.
Nicolás Muller (Orosháza, Hungría, 1913 – Llanes, Asturias, 2000) está considerado un dos grandes fotógrafos documentais do século pasado. Viaxou ao norte da península por encargo da editorial Clave para unha serie de libros que amosaban unha España moderna, buscando romper o illamento do país e atraer turismo e investimento. As súas fotografías céntranse nas xentes traballadoras, mulleres e nenos.
A exposición "Nicolás Muller en Galicia" forma parte das 70 propostas do programa "As exposicións de 2026 como motor cultural da Galicia Calidade", coas que a Xunta de Galicia busca fomentar o acceso á cultura e a formación cidadá.




