A mostra, que estará aberta ata o 27 de setembro, está organizada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, a Delegación de Santiago, o Museo do Pobo Galego e a Escola de Arquitectura da Coruña.
Durante a súa intervención, Goretti Sanmartín puxo en valor a figura de Rafael Baltar, cuxa impronta na cidade de Santiago de Compostela é visible en lugares emblemáticos como a Catedral, o Teatro Principal, os xulgados de Fontiñas ou o pavillón do Colexio Peleteiro.
A alcaldesa comparou a arquitectura coa medicina, disciplina na que foi referencia Ramón Baltar, pai de Rafael, destacando a importancia de "coidar edificios, coidar espazos e coidar da sociedade desde o punto de vista ambiental e dos lugares onde vivimos".
Sanmartín asegurou que a arquitectura "ten máis importancia que nunca" nun momento de emerxencia climática, e subliñou a necesidade de reflexionar sobre como queremos vivir nas cidades.
Anunciou tamén que o Consorcio de Santiago recollerá os materiais da exposición nun libro para que figuras como a de Rafael Baltar sexan coñecidas polas xeracións futuras.
A exposición, comisariada por Paula Franjo Calvo e Sandra González Álvarez, percorre momentos clave da cultura arquitectónica galega do último terzo do século XX a través da figura de Rafael Baltar (1933-2004), un protagonista desa etapa marcada pola chegada da democracia e novas visións na arquitectura e cultura galegas.




