A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitaron hoxe na Estrada o obradoiro artesanal de xoiería Druída. Este obradoiro é beneficiario da nova liña de apoios destinada a formar aprendices en oficios tradicionais, que se estrea este ano cun orzamento de 1 M€ e coa previsión de beneficiar medio cento de persoas.
Acompañados polo concelleiro estradense de Promoción Económica, Óscar Durán, os representantes autonómicos destacaron que a Xunta mantén aberta a convocatoria do programa de Primeira experiencia profesional. Esta convocatoria está dotada cun importe global de máis de 8,7 M€, co obxectivo de beneficiar en total a máis de 520 persoas desempregadas en toda Galicia.
O programa, centrado na retención do talento mozo e na cobertura de vacantes en sectores estratéxicos, impulsa preferentemente a empregabilidade das persoas menores de 30 anos. Tamén poden beneficiarse as persoas maiores desa idade nos apoios destinados ao sector artesanal, dirixidos a obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. Druída, que leva dúas décadas traballando baixo a súa marca, poderá agora contar cunha persoa aprendiz no seu taller grazas a estas novas axudas.
As achegas incentivan contratos de prácticas ou de formación en alternancia, a tempo completo e durante 12 meses, en empresas, centros especiais de emprego, empresas de inserción laboral e, por primeira vez, tamén en obradoiros artesanais. O obxectivo é dotar as persoas inscritas como demandantes no Servizo Público de Emprego de Galicia de competencias para acceder ao mercado laboral. As axudas cobren os custos salariais, cunhas contías que van desde preto de 10.000 aos máis de 16.600 euros.
Esta iniciativa facilita un período de práctica profesional acompañado dun proceso de formación para o emprego, favorecendo a inserción laboral das persoas participantes. Ao rematar o proceso, contarán con novas competencias para acceder a un emprego estable.
O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 30 de setembro de 2026 ou ata que se esgote o crédito dispoñible.




