A cidade de Santiago de Compostela converterase, do 11 ao 13 de setembro, nun epicentro da creación sonora contemporánea coa celebración da novena edición do WOS Festival x SON Estrella Galicia. Este evento, que conta co apoio dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia, consolídase como unha cita de referencia europea na música electrónica e experimental, presentando 26 proxectos artísticos ao longo de tres xornadas.
Marcos Gómez Román, comisario do Xacobeo 2027, destacou na presentación do festival o seu papel como xerador de fluxos turísticos e proxector de Galicia a nivel internacional. "WOS demostra que unha programación cultural especializada e de dimensión internacional pode converterse nun motivo para viaxar a Santiago", afirmou, subliñando que o 52% do público da pasada edición procedía de fóra da comunidade, o que evidencia a súa importancia para o turismo.
Gómez Román tamén sinalou que os Concertos do Xacobeo "aposta por iniciativas coma o WOS, que amplían a oferta cultural de Galicia e contribúen a diversificar os motivos polos que visitar as nosas cidades". Valorou ademais a capacidade do festival para integrar a creación contemporánea en espazos singulares de Santiago, "xerando unha experiencia cultural na que a música dialoga coa arquitectura e o patrimonio dunha cidade universalmente recoñecida".
A programación desta edición inclúe 26 proxectos de música electrónica e experimental, abarcando composición electroacústica, música de club, improvisación e performance audiovisual. Destaca o carácter internacional e inédito de moitas propostas, con 13 estreas en España, incluíndo a presentación mundial do novo concerto audiovisual de Blood of Aza e novas estreas de artistas como Ana Roxanne, Ben Vince, Juli Deák, Midori Hirano, Shackleton, SKY H1 e Tujiko Noriko.
O cartel complétase con nomes como Artur M. Puga & Sevi Iko Dømochevsky, Demdike Stare, Eerie Enterprise, HHY & The Kampala Unit, JASSS, Lee Gamble, Mor Elian, Paul Jebanasam, Polygonia, Slikback feat. maltdisney & Tasya, Space Afrika, Visible Cloaks e Yu Su. O festival distribuirá a súa programación por igrexas, teatros, edificios patrimoniais e museos da cidade, establecendo un diálogo entre a vangarda musical e a arquitectura compostelá.
Os Concertos do Xacobeo, impulsados por Turismo de Galicia, buscan posicionar a comunidade como destino de grandes eventos musicais, apoiando máis de 190 citas en toda Galicia. O programa completo está dispoñible en www.concertosdoxacobeo.gal.



