A investigación, que se estende ata 2026, centrouse en obter plantas en cantidade suficiente mediante sistemas de multiplicación adaptados a cada variedade. Os resultados confirman que non existe unha única técnica válida, senón que a combinación de propagación por esqueixos e micropropagación in vitro permite definir estratexias específicas para ampliar a dispoñibilidade de planta.
O proxecto, que integra á Fundación Juana de Vega, a Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC), Ouro de Quiroga, Olivar Concordia e Cultigar, coa Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) como socio cooperante, traballou con once variedades identificadas: Brava Gallega, Brétema, Carapucho, Carmeliña, Folgueira, Hedreira, Mansa Gallega, Maruxiña, Susiña, Xoana e Santiagueira.
Os ensaios con esqueixos semileñosos revelaron que a época de recollida do material vexetal é crucial, coa mellor resposta en verán-outono (61% de enraizamento medio), destacando variedades como Carapucho, Susiña e Brétema con porcentaxes de ata o 100%. Paralelamente, establecéronse protocolos de micropropagación in vitro con taxas de enraizamento e supervivencia superiores ao 90%.
A transferencia ao sector é un obxectivo clave. Xa se entregou material vexetal a viveiros e publicarase un protocolo técnico. A seguinte fase busca escalar ambos os métodos a nivel industrial para aumentar a produción de planta autóctona nos próximos dous anos. A participación de produtores conecta a investigación coas necesidades reais das explotacións.
As plantas obtidas están a ser avaliadas en parcelas experimentais en Pontevedra e A Pobra do Brollón (Lugo), e comparadas con olivos centenarios en Valga e na Ribeira Sacra, para coñecer a súa resposta a diferentes condicións de solo e clima.
Esta liña de investigación, iniciada en 2012 pola MBG-CSIC, xa permitiu localizar máis de 160 olivos centenarios e identificar unha vintena de variedades autóctonas, conservadas nun banco de xermoplasma vivo. A Fundación Juana de Vega apoiou estes traballos con 350.000 euros.
Variedades como Carapucho, Carmeliña, Maruxiña, Mansa Gallega e Brétema xa se incorporaron á Lista de Variedades Comerciais. Os resultados experimentais de aceite abren unha nova etapa para estudar o potencial destas variedades, sentando as bases para diversificar a produción agraria e xerar actividade económica vinculada a un recurso propio.
O proxecto, cunha financiamento de 179.652,68 euros, contribúe a coñecementos que poderían apoiar no futuro o desenvolvemento dunha denominación de orixe protexida para o aceite de Galicia.



