As intervencións arqueolóxicas levadas a cabo na Cova de Eirós, situada en Cancelo (Triacastela), e en Monte Penedo, permitiron non só ampliar os períodos de ocupación humana destas cavidades senón tamén certificar o seu uso como espazos funerarios. Unha das descubertas máis relevantes foi a dun enterramento infantil na Gruta dos Bloques, datado na Idade do Bronce.
Estes achados forman parte dos resultados máis destacados da campaña de 2026, que continuou coa escavación dos niveis do Paleolítico medio na Cova Eirós e na veciña Gruta dos Bloques. Os traballos foron realizados por membros do grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste, Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da USC, do Institut Català de Paleocologia Humana i Evolució Social-CERCA de Tarragona, da Universitat Rovira i Virgili, e da Universidade de Oviedo, en colaboración coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.
Na Cova Eirós, as escavacións achegaron novos materiais arqueopaleontolóxicos das ocupacións paleolíticas na zona da entrada. O nivel do Paleolítico medio (Nivel 4) proporciona información sobre os Neandertais que habitaron as Serras Orientais hai máis de 45.000 anos. Estes grupos utilizaron a cova como campamento durante períodos prolongados, o que se reflicte na alta densidade de restos arqueolóxicos, incluíndo lascas, raspadeiras e restos da fauna consumida (cervos, cabalos, bisontes). Recentemente, estase a escavar un fogar delimitado por pedras, con concentracións de carbóns e restos queimados, que reforza a idea dun campamento de longa duración.
Ademais, iniciouse a escavación dun novo nivel do Paleolítico medio, o Nivel 5, que confirma a presenza de ocupacións neandertais aínda máis antigas na cova. Aínda que a concentración de artefactos é menor, destaca a presenza de ferramentas de cuarzos locais. Os investigadores suxiren que este nivel podería corresponder a estancias de curta duración na entrada da cova.
Nas cavidades do Monte Penedo, próximas á Cova Eirós, descubríronse varios restos humanos que certifican o uso funerario destas covas durante a Idade do Bronce.
Na Gruta dos Bloques recuperáronse máis de 50 restos óseos, maioritariamente costelas e falanxes, ademais de restos das extremidades. O estudo antropolóxico, realizado por Marina Lozano no IPHES-CERCA, indica que pertencen a un único individuo infantil de entre 6 e 8 anos. Asociados a estes restos, atopáronse fragmentos cerámicos decorados propios da Idade do Bronce. Na Cova das Cabras identificouse unha falanxe do pé dun adulto, sen enxoval asociado.
As datacións radiocarbónicas sitúan estes enterramentos na fase final da Idade do Bronce (3300 anos BP; 1600-1500 a.C.). Atópanse paralelos en xacementos como a Cova de Valdavara (Becerreá) ou a Cova do Santo (Rubiá).
Os investigadores subliñan a importancia das covas como espazos de hábitat e funerarios para estas comunidades. Estes achados achegan novos datos sobre a variabilidade das prácticas funerarias da Idade do Bronce no Noroeste, nun momento en que noutras zonas de Galicia se optaba por cistas, túmulos ou monumentos megalíticos.




