Palas de Rei sitúase á cabeza dos municipios galegos en número de coches por persoa, cun ratio exacto de 1.283 vehículos por cada mil habitantes. Este dato, extraído dos rexistros da Dirección Xeral de Tráfico (DGT), sitúa a Galicia no terceiro posto a nivel estatal en canto a parque de turismos por habitante, cunha media de 595,9 coches por cada mil veciños, un 13,5% superior á media nacional.
No conxunto da comunidade autónoma, tres concellos da provincia de Lugo superan a cifra de coches por veciños. Palas de Rei lidera este ránking, seguido por Portomarín con 1.111 vehículos por mil habitantes e A Pastoriza con 1.082.
O alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, sinalou varios factores que explican esta elevada dependencia do vehículo privado. En primeiro lugar, destacou o carácter rural do municipio, que obriga os seus residentes a depender máis do coche para desprazarse ao traballo ou para realizar tarefas cotiás. A este factor súmase o crecemento da renda, ligado á actividade industrial e económica, así como o impacto do Camiño de Santiago.
Taboada tamén resaltou que Palas de Rei atópase entre os municipios galegos con maior investimento industrial por habitante. Engadiu un terceiro elemento explicativo: a fiscalidade local. Actualmente, Palas de Rei conta cun dos impostos de circulación de vehículos máis baixos de Galicia, o que favorece que particulares e empresas establezan aquí o seu domicilio fiscal e rexistren os seus vehículos.




