Un equipo do CiQUS, dirixido por Manuel Nappi, logrou unha nova reacción sintética que permite unir moléculas ao ADN. Esta tecnoloxía é compatible con bibliotecas de compostos codificados por ADN (DEL), ferramentas cruciais na industria farmacéutica para a procura de novos fármacos, xa que facilitan a análise de grandes coleccións de compostos.
A construción destas bibliotecas enfróntase ao reto de que as reaccións sexan compatibles co ADN, que é sensible a certas condicións químicas. A nova estratexia desenvolvida polo equipo de Nappi permite unir compostos carbonílicos (aldehidos e cetonas) con outras moléculas, como as que conteñen dobres enlaces, obtendo alcohois alifáticos, unha estrutura presente en moitos compostos farmacéuticos. O proceso realízase a temperatura ambiente e con luz, sen condicións redutoras fortes, o que o fai axeitado para sistemas sensibles.
A colaboración con AstraZeneca foi fundamental para avaliar a compatibilidade do método con fragmentos de ADN máis longos, similares aos empregados en aplicacións de DEL. Os ensaios confirmaron que o ADN se conserva e mantén a súa capacidade de lectura, cunha taxa moi baixa de cambios na secuencia, aspectos esenciais para a correcta identificación de cada composto.
Esta nova estratexia química trasládase á síntese sobre ADN, ofrecendo unha nova ferramenta para o descubrimento de fármacos. O traballo publicouse na revista Journal of the American Chemical Society (JACS) co título ‘Reductive Couplings Via Nucleophilic Photoactivation of Carbonyls’. O CiQUS conta co selo María de Maeztu e o recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia.




