O Traballo Fin de Máster (TFM), titulado “Deseño e desenvolvemento dun kit de ferramentas impresas en 3D para a prevención e rehabilitación de lesións por uso repetitivo do teclado e do rato”, foi dirixido pola profesora Ana Ares Pernas e o investigador Florian Michaud. A proposta busca aproveitar as vantaxes da impresión 3D para crear dispositivos ergonómicos que axuden nos exercicios de mobilización, estiramento e fortalecemento das extremidades superiores.
O proxecto xorde como resposta ao problema cada vez máis común das molestias asociadas ao uso intensivo de dispositivos informáticos, movementos repetitivos, posturas incorrectas e esforzos prolongados. Patoloxías como o síndrome do túnel carpiano, a tendinite ou a epicondelite lateral son algunhas das consecuencias destas condicións.
O kit desenvolvido permite realizar ata seis exercicios diferentes: peche de man, flexión dun dedo, extensión dos dedos, extensión dun dedo, rolo de pulso e torsión do antebrazo. Doralys Torriente Aguilar, autora do TFM, sinala que os dispositivos están deseñados para facilitar a mobilización e o fortalecemento, priorizando a ergonomía, a comodidade e a facilidade de uso. A fabricación aditiva permite deseños adaptables á fisionomía de cada persoa, optimizando recursos e reducindo custos.
Este kit de ferramentas impresas en 3D foi presentado o pasado luns 26 de outubro no marco do programa “Outubro Saudable” da UDC Saudable. A demostración tivo lugar no Laboratorio de Enxeñaría Mecánica, no Edificio de Talleres do Campus Industrial de Ferrol, onde os asistentes puideron coñecer e probar os exercicios propostos.




