O festival, centrado en proxectos desenvolvidos durante as etapas académicas, ofrece unha plataforma para que os estudantes poidan ver o seu traballo nas pantallas e alcanzar o mundo profesional. Poderán presentar obras de calquera xénero ou modalidade todas as persoas que estean estudando na actualidade ou que rematasen os seus estudos en 2025 ou 2026.
As pezas proxectaranse nas seccións oficial galega, oficial española e de videoclips. Haberá tamén unha sección non competitiva para obras que non encaixen nas categorías principais ou que se consideren inadecuadas para a competición por desigualdade de recursos. Os premios na sección competitiva son de 200 euros por categoría, ademais dun Premio do Público e mencións do xurado.
Como novidade, incorpórase a categoría de videoclips á sección competitiva e a Mostra Facom, para exhibir obras de estudantes e exestudantes da propia Facultade de Ciencias da Comunicación.
Ademais, o festival colabora co concurso de pitching en galego da Facultade, organizado pola Comisión de Normalización Lingüística, para fomentar o uso do galego no ámbito audiovisual profesional. A gala final deste concurso será o 29 de outubro no Auditorio da Facom ás 16:30, presentada por Patricia Santana, coa participación de Irene Lourido, Jesús Silva e Andrea Villa. A Facom Band actuará ao remate. O primeiro premio está valorado en 400 euros e o segundo en 200 euros.




