A xornada comezará ás 10:30 h na sede de Mercagalicia, situada na Vía de la Cierva s/n, no Polígono Industrial do Tambre. Realizarase unha visita institucional ás instalacións do novo Centro de Distribución de Mercadorías. Participarán a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o delegado do Goberno, Pedro Blanco; e o presidente de Mercasa, José Miñones. Tras as intervencións abertas aos medios, a xerente de Mercagalicia, Belén Hernández, dirixirá unha visita guiada.
Nese mesmo horario, ás 10:30 h, no Pazo de Fonseca, o concelleiro de Urbanismo e Vivenda, Iago Lestegás, participará nun acto conmemorativo polo 50º aniversario de Idega.
Pola súa banda, ás 12:00 h, no Salón Vermello do Pazo de Raxoi, terá lugar a presentación das novas rutas aéreas que a compañía Wizz Air operará no aeroporto de Santiago de Compostela "Rosalía de Castro". Ao evento asistirán a alcaldesa, Goretti Sanmartín; a concelleira de Turismo, Míriam Louzao; o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo; así como representantes de Wizz Air e de AENA. O acto estará aberto aos medios de comunicación, que poderán atender aos representantes ao seu remate.




