O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu esta mañá no aeroporto de Santiago de Compostela - Rosalía de Castro aos participantes do programa Escolas Abertas 2026. Esta iniciativa, dedicada á difusión da cultura galega no exterior, desenvolverase desde mañá ata o 20 de xullo no Centro Superior de Hostalería de Galicia. Na edición deste ano, 50 profesores de entidades galegas do exterior recibirán formación especializada en baile e música tradicional galega.
Antonio Rodríguez Miranda subliñou que cada participante de Escolas Abertas se converte nun embaixador da cultura galega no mundo. O Goberno galego busca así garantir a participación da cidadanía galega no exterior na vida social e cultural de Galicia, xa que o alumnado participante nesta iniciativa é á súa vez formador en centros galegos do exterior.




