A Deputación da Coruña convoca a primeira edición do Premio de Pódcast "Transmitindo na Lingua Galega", unha iniciativa que busca incentivar a calidade, a diversidade temática e a innovación das producións sonoras en galego. O certame está dotado con 20.000 euros en galardóns, repartidos en catro categorías de 5.000 euros cada unha.
O prazo para participar está aberto dende o sábado 3 de outubro e permanecerá activo ata as 14:00 horas do 18 de decembro de 2026. Toda a tramitación e a presentación de candidaturas deberá realizarse de xeito exclusivamente telemático a través da plataforma SUBTEL, dispoñible na sede electrónica da Deputación da Coruña.
A convocatoria, que busca consolidar a presenza do idioma nos novos espazos dixitais, está aberta a autores e autoras de pódcasts realizados en lingua galega. A iniciativa retoma o espírito dos primeiros pasos da radio en Galicia, impulsados desde a provincia da Coruña.
Os galardóns distribúense en catro modalidades: "O teatro do aire" (ficción e adaptación sonora), "A palabra fiada" (contido conversacional como entrevistas ou debates), "A pescuda sonora" (investigación creativa sobre feitos, persoas ou asuntos sociais) e "A voz da nosa lingua" (espazos dedicados ao estudo e promoción do galego).
“"Este premio nace co obxectivo de consolidar a presenza do idioma nos novos espazos dixitais e de comunicación. Destacou a importancia de incentivar o talento e a creación sonora actual para garantir que a lingua galega teña unha presenza forte e atractiva entre os novos públicos e nos sectores clave para o futuro do idioma."




