A programación destaca por dous grandes eventos no Programa de Sala: o regreso da compañía portuguesa Companhia do Chapitô este venres 9 de outubro coa súa cómica revisión da Odisea, e a estrea en Galicia de Las gratitudes, o sábado 10, baseada na novela de Delphine de Vigan e protagonizada por Gloria Muñoz, baixo a dirección de Juan Carlos Fisher.
A semana tamén incluirá propostas de circo contemporáneo, narración oral, teatro documental e creación experimental. Entre elas, atópanse Domte de Nacho Flores; Vidas enterradas, unha coprodución de L’Om Imprebís, Micomicón Teatro, Teatro Corsario e Teatro del Temple; Yo nací en un surco de judías de almealera, gañadora do Premio Fetén 2026 ao mellor espectáculo; e a estrea absoluta Oh! Onde deterse a mirar de AsSircópatas, con Dani Blanco.
Ademais, o X Certame de Micro-Escenas M² estreará as súas primeiras pezas curtas, mentres que a Rúa dos Contos sumará novas propostas de humor e improvisación, como Pequenos pero faltóns, El Famoso Trino e O show, ademais da sesión de DJ Maikel.
A Companhia do Chapitô presentará o venres 9 de outubro no Auditorio do Pazo da Cultura a súa peza Odisea, unha revisión libre e cómica do clásico homérico, interpretada por Jorge Cruz, Pedro Diogo e Pedro da Silva.
O sábado 10 de outubro, o Auditorio do Pazo da Cultura acollerá a estrea en Galicia de Las gratitudes, protagonizada por Gloria Muñoz, Macarena Sanz e Rómulo Assereto, que aborda temas como a memoria, os coidados e a vellez.
O circo contemporáneo chegará o venres 9 ao Parque do Anllóns con Domte de Nacho Flores, unha peza que combina escultura, equilibrio e teatro físico.
O sábado 10, o X Certame de Micro-Escenas M² presentará pezas como wOHrk de Iván Davila na Conserxería do Pazo da Cultura e A vinganza contra o Dr. Tirarrollas da Compañía Humana na Pastelaría Zuccaro.
A Rúa dos Contos ofrecerá o xoves 8 Pequenos pero faltóns con Adrián do Regenco e Pablo Alvite; o sábado 10, El Famoso Trino con Trino García; e o domingo 11, O show de Fábrica de Impro, seguido de DJ Maikel.
Dentro do FIOT en Ruta, o domingo 11 de outubro presentarase Vidas enterradas preto do cemiterio de Bértoa, unha coprodución que recupera memorias da Guerra Civil e o franquismo.
Tamén o domingo 11, o Centro Social de Cances acollerá Lubbert de Inda Pereda, un espectáculo de teatro físico inspirado en O xardín das delicias de El Bosco.
O OTNI achegará o domingo 11 ao Pazo da Cultura Yo nací en un surco de judías de almealera, teatro documental sobre o mundo rural e a agricultura, gañador do Premio Fetén 2026.
A programación para o público máis novo inclúe Oh! Onde deterse a mirar de AsSircópatas, con funcións escolares o xoves 8 e familiar o luns 12.
O festival complétase cun taller-laboratorio con Torta Torta o sábado 10, como parte das actividades de formación e mediación.




