A investigadora, vinculada á institución académica desde os seus inicios, asumiu a coordinación da plataforma Nós Universidade no último ano, o que a impulsou cara a esta nova etapa. García Mateo, que xa foi vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea entre 2006 e 2010, liderará un proxecto de universidade "pública, moderna e orgullosa de si mesma".
A súa folla de ruta céntrase en tres eixos principais: "Todas as persoas contan, pasar do minifundismo ao proxecto común e da improvisación á solvencia". A nova reitora aposta por un "liderado sereno, próximo, e cunha muller ao fronte", baseado "na escoita, a transparencia e o rigor".
No que respecta ao campus de Pontevedra, as súas propostas inclúen o impulso á especialización, o reforzo de titulacións conectadas co territorio e a dotación de máis infraestruturas, como a demandada residencia de estudantes. Tamén se comprometeu a mellorar os servizos e a vida estudantil.
García Mateo é catedrática de Teoría de Sinal e investigadora do grupo de Tecnologías Multimedia do centro atlanTTic. Doutorouse en Enxeñaría de Telecomunicacións pola Universidade Politécnica de Madrid en 1993 e completou a súa formación con estancias en prestixiosas universidades e laboratorios internacionais, como a Universidade de California Campus de Santa Barbara (UCSB) e os Laboratorios Bell de ATT.
As súas liñas de investigación abarcan a tecnoloxía da fala en galego e castelán, a segmentación de audio, o recoñecemento biométrico, o recoñecemento automático da lingua de signos e a detección de enfermidades a través da fala. Chegou á UVigo en 1987 como docente na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Telecomunicación.
A súa traxectoria profesional tamén inclúe a dirección de numerosos proxectos de investigación e teses doutorais, así como máis dun centenar de publicacións. En 2014 recibiu o Premio Josefa Wonenburger da Xunta de Galicia e forma parte do Plenario do Consello da Cultura Galega.




