A iniciativa, que se desenvolverá entre as 18.00 e as 22.00 horas, busca divulgar a investigación realizada dende o Instituto de Saúde Global e Desenvolvemento Sostible (iTERRA) do Campus Terra da USC. Este evento forma parte da European Researchers’ Night, impulsada polas Marie Skłodowska-Curie Actions (MSCA).
Na rolda de prensa celebrada o luns 21, Roberto Bande, vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo; Marta López, directora do iTERRA; e Marta Miranda, directora do Campus Terra, detallaron os contidos da xornada. Tamén participaron Silvia Colmenero Guzmán, concelleira de Industria e Mercados do Concello de Lugo, e o deputado provincial Pablo Rivera Capón.
Os asistentes poderán participar en obradoiros e actividades prácticas sobre temas como o ADN, as células, a saúde animal, os microminerais, a alimentación, o solo, as árbores ou a fibra óptica. Será unha oportunidade para coñecer de preto as liñas de investigación e divulgación do Campus Terra.
A iTERRA Night enmárcase na participación da Universidade de Santiago de Compostela no proxecto WONDER – Where Our Next Discoverers Research, presentado á convocatoria europea MSCA & Citizens. Deste xeito, a USC súmase ás actividades científicas que se celebran en toda Europa o 25 de setembro.




