A emblemática obra de Francisco Asorey, a Santa, regresará a Galicia de forma permanente para ser exposta na Cidade da Cultura. A peza, creada en 1926, chega á comunidade tras máis de sete décadas exposta en Montevideo, coincidindo co centenario da súa creación.
Considerada unha das obras clave para comprender a traxectoria de Asorey e unha das pezas máis relevantes da escultura galega do século XX, a Santa é tamén un ben cultural fundamental da memoria artística e da emigración galega. Ademais, simboliza a modernización artística e cultural de Galicia no primeiro terzo do século pasado.
Tras a súa presentación na Exposición Nacional de Bellas Artes en Madrid no ano 1926, a peza foi adquirida en 1951 pola colectividade galega emigrante en Montevideo. En 2022, o Goberno galego adquiriu a figura no marco do proceso concursal da Casa Galicia na capital uruguaia, incorporando tamén fondos documentais e bibliográficos.
Inicialmente, acordouse co Goberno do Uruguai que a peza se exhibise no Museo Zorrilla. Non obstante, cambios recentes no relato expositivo desta institución motivan agora o seu traslado a Galicia para garantir a súa idónea contextualización, estudo e contemplación pública.
O retorno da obra, que xa puido verse en Santiago de Compostela durante a exposición Galicia, un relato no mundo na Cidade da Cultura, recibindo máis de 46.000 visitas, é posible grazas á colaboración institucional entre a Xunta de Galicia, o Goberno do Uruguai e a dirección do Museo Zorrilla, co apoio das colectividades galegas na diáspora.




