A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Allegue, puxo en valor a colaboración entre a Xunta e o Concello de Folgoso do Courel para a creación dun novo vial de acceso a Fondo da Vila, a rúa Sandra Rodrigo. Esta actuación, realizada ao abeiro do Plan Hurbe da Xunta, supuxo un investimento de preto de 300.000€, financiado nun 70% polo Goberno galego e nun 30% polo Concello.
Executouse unha nova calzada sostida sobre un muro de contención, cunha varanda de madeira que separa a zona peonil da vía, buscando unha convivencia harmónica e segura entre peóns e vehículos. Complementariamente, instaláronse drenaxes con sumidoiros e dispúxose sinalización e marcas viarias.
O novo vial diríxese a Fondo da Vila, onde se atopan servizos clave como o albergue, o edificio de usos múltiples e o museo. A conselleira destacou que esta intervención mellorará a conectividade e competitividade do concello.
A rúa leva o nome de Sandra Rodrigo en lembranza do seu labor para conseguir este viario, e o acto de descubrimento da placa foi unha homenaxe á súa memoria e á da súa familia.
Allegue subliñou a importancia de obras como esta, impulsadas a través do Plan Hurbe, un programa da Xunta que colabora cos concellos para a mellora das súas contornas urbanas e equipamentos públicos.




