A concelleira de Turismo, Rocío Cochón, presentou o balance da tempada estival, destacando a capacidade de Poio para atraer visitantes diversos e o papel do sector turístico na xeración de riqueza e emprego. A responsable municipal sinalou que "o noso traballo é poñer en valor, apoiar un sector líder e facer que esa actividade beneficie ao conxunto do concello, coidando o patrimonio e os recursos que nos fan únicos”.
Agosto acadou unha ocupación media do 95,39%, un dato case pleno nun momento no que o municipio dispón da maior oferta de aloxamento da súa historia, con 4.943 prazas. A Festa da Ameixa de Campelo, co recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia, tamén contribuíu a alongar a actividade turística.
As oficinas municipais de información turística de Combarro e do Casal de Ferreirós atenderon preto de 9.000 persoas. Pola súa banda, as variantes xacobeas sumaron máis de 8.000 peregrinos de 60 nacionalidades, confirmando o Camiño como un vector turístico e económico fundamental.
A Illa de Tambo recibiu preto de 4.100 visitantes, mantendo cifras similares a anos anteriores. A prioridade municipal segue sendo "conxugar a protección da illa coa posibilidade de dala a coñecer con seguridade e responsabilidade". O Concello avanza tamén en acordos para incluíla como visita recomendada na Ruta do Padre Sarmiento.
O Porto Deportivo de Combarro mantivo o seu liderado na provincia cunha ocupación do 80%, a pesar dunha baixada en setembro vinculada aos problemas coas orcas que afectaron a actividade náutica. A Casa Museo de Colón recibiu 305 visitantes.
A concelleira destacou a importancia de traballar por un turismo sostible e responsable, coa desestacionalización e a proxección nacional e internacional do municipio como obxectivos. Iniciativas como as Xornadas Gastronómicas da Ameixa, eventos arredor das variantes xacobeas e propostas deportivas e culturais son clave para atraer visitantes durante todo o ano.




