O proxecto, que se desenvolveu entre 2023 e 2026, centrouse na propagación a gran escala de once variedades de oliveiras autóctonas recuperadas en Galicia. O obxectivo é impulsar o desenvolvemento do cultivo da oliveira galega baseándose nos seus propios recursos xenéticos.
Os asistentes poderán coñecer os avances logrados a través de dúas estratexias complementarias de propagación: a tradicional por estaquilla e a micropropagación in vitro. Ademais de presentar os logros científicos e técnicos, a xornada servirá para facer balance da recuperación e identificación das variedades de oliveiras galegas e debater os próximos pasos para consolidar o sector.
O programa inclúe tamén actividades divulgativas como a plantación dun exemplar da variedade Xoana e unha cata comentada de aceites galegos a cargo do IES do Ribeiro.
“"O grupo operativo Oliveiras de Galicia traballa na optimización das técnicas de propagación para facilitar a dispoñibilidade de plantas certificadas de variedades galegas"
A participación no evento é gratuíta con inscrición previa e as prazas son limitadas. As entidades participantes no proxecto inclúen a Fundación Juana de Vega e a Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC), xunto con empresas do sector e outras organizacións colaboradoras.




