A Rúa das Pereiras, en Pontevedra, será obxecto dunha reforma urbana que busca mellorar a accesibilidade e pór fin aos encharcamentos cando chove con intensidade. A lonxitude deste vial, que conecta a estrada de O Pino-Bora con Pedra do Lagarto e que no futuro vertebrará o novo barrio de San Amaro, é de 495 metros.
Os traballos, que comezaron este luns, serán executados pola empresa pontevedresa EC Casas. O proxecto, adxudicado por 184.459,73 euros, conta cun prazo de execución de catro meses.
Para solucionar os problemas de acumulación de auga, instalarase unha tubería de pluviais con 13 sumidoiros, conectada á rede xeral cunha canalización de PVC de 315 milímetros de diámetro.
A intervención tamén prevé a ampliación da rúa, que actualmente ten un ancho medio de sete metros, gañando espazo nos sobreanchos das curvas.
Ademais, mellorarase a seguridade viaria coa instalación de catro 'lombos' de seis metros de lonxitude, con solo adoquinado e pendente do 6%. O firme renovarase completamente cun novo pavimento de aglomerado.
Por outra banda, o concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda, presentou a veciños do ámbito da Rúa Serra un plan para gañar espazo peonil na zona do Mercado de Abastos, cun orzamento que rolda os 900.000 euros.




