A formación liderada por Rafa Domínguez alertou sobre a "masiva" presenza de gaivotas e pombas no municipio, coincidindo coa chegada do bo tempo e o inicio da tempada de terrazas para a hostalería. Segundo o PP, as medidas actuais de control son insuficientes, o que levou a solicitar un reforzo urxente do plan de xestión destas especies.
Esta problemática xa fora trasladada ao Pleno municipal en xaneiro de 2025, onde se aprobou por unanimidade a necesidade de actuar con urxencia. A concelleira popular Raquel Martínez criticou a "deixadez" do BNG, afirmando que "durante 2024, o Goberno local non levou a cabo ningún tipo de control", o que permitiu un aumento descontrolado da poboación de aves, afectando a hostaleiros, clientes e comunidades de veciños.
“"A situación demostra que a inacción ten un custo difícil de reverter. Un control iniciado tarde e durante un tempo abandonado non pode resolver un problema que o propio Concello de Pontevedra permitiu que se agravara."
A edil asegurou que a insistencia do seu partido foi clave para retomar o control poboacional, pero lamentou que os resultados "están lonxe de ser suficientes", xa que o número de exemplares segue en aumento. Por iso, o Partido Popular volve a demandar a Lores un plan de control máis eficaz e continuado no tempo, a pesar de que o Goberno municipal anunciara un maior investimento a través dun contrato plurianual. O obxectivo é que cidadáns e hostaleiros poidan gozar das terrazas de Pontevedra sen os inconvenientes desta "praga evitable".




