Un total de 20 proxectos continúan adiante no territorio do GALP Ría de Pontevedra ao abeiro da convocatoria de axudas de 2026. As iniciativas, cofinanciadas pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), buscan reforzar a competitividade do sector marítimo-pesqueiro e impulsar novas actividades económicas sostibles. A convocatoria aprobou inicialmente 23 proxectos cun financiamento público de 1.337.388,08 euros, pero tres renuncias por circunstancias sobrevidas reducen o número final a 20 actuacións.
As entidades beneficiarias, que inclúen empresas, confrarías, asociacións, clubs deportivos e administracións locais, avanzan na execución dos seus investimentos. Entre os proxectos destacan actuacións de modernización da industria transformadora, coa incorporación de nova maquinaria e mellora de procesos produtivos. Tamén se apoia a promoción de produtos do mar, a conservación do patrimonio marítimo e a sustentabilidade ambiental mediante enerxías renovables.
“"O valor destas axudas está en que permiten responder a necesidades moi diferentes do noso territorio. Son investimentos que, de maneira individual, responden a necesidades concretas e que, no seu conxunto, contribúen a fortalecer a economía e a vida das nosas comunidades costeiras."
Os proxectos distribúense polos seis concellos do territorio. En Marín, empresas como Cova Bueu, Frioantartic e Frigoríficos Rosa de los Vientos impulsan a modernización e eficiencia enerxética. Tamén se financian iniciativas de deporte e accesibilidade, como o Club de Remo Ría de Marín e o Concello de Marín con módulos sanitarios accesibles. En Sanxenxo, destacan proxectos de navegación tradicional, piragüismo e mellora da eficiencia enerxética no Real Club Náutico, así como a recuperación dunar na praia de Montalvo.
En Poio, a Lonxa de Campelo e o Club Piragüismo Poio traballan na sustentabilidade dos recursos mariños e a cohesión social. O concello de Poio impulsa a divulgación do patrimonio e unha oficina de turismo móbil. En Bueu, a AFAMO lidera un programa de cooperación sobre os oficios do mar. En Pontevedra, a Confraría de Pescadores de Lourizán moderniza unha embarcación con enerxía solar e o concello dinamiza o Mercado de Abastos. Finalmente, en Meaño, o concello promove os produtos do mar durante a Festa do Viño.




