A celebración arrancará o domingo 6 de decembro, ás 19:30 horas, na Praza do Mosteiro cun espectáculo musical inédito da orquestra La Oca, creado especificamente para Poio. Esta proposta, preparada con ilusión, estará acompañada do tradicional acendido das luces, que este ano terá como protagonistas aos usuarios de Amencer.
O alcalde, Ángel Moldes, destacou no Pazo de Besada, onde se presentou a programación coa participación de entidades e asociacións locais, que "o Nadal en Poio é motivo de orgullo para os nosos veciños e veciñas". Moldes asegurou que a programación consolida unha identidade propia e que "cada ano incorporamos novos decorados e propostas para que quen nos visita descubra algo novo".
As Aldeas de Nadal ocuparán un lugar destacado repartidas por sete parroquias: Porto de Raxó, Muíños de Samieira, Praza da Chousa en Combarro, San Martiño, Praza da Granxa en Campelo, Aldea do Adro en San Salvador e Parque de Lourido. Nestes espazos haberá animación, maquillaxe infantil, chocolatadas, visitas de Papá Noel e os Reis Magos, e o tradicional Mercado de Nadal.
A carpa Poio Máxico, instalada na Seca, acollerá espectáculos desde o venres 18, incluíndo actuacións de Uxía Lambona e a Banda Molona (19 de decembro), Cantajuegos (3 de xaneiro) e propostas de maxia. A programación combinarase con iniciativas locais como a Banda de Música de Poio, a Escola de Acordeóns de Campelo e o Club de Ximnasia Rítmica Saraiba.
“"Presentamos un Nadal que nos une, que nos identifica, que nos fai sentir orgullosos do noso concello. Un Nadal único, feito entre todos e que cada ano brilla con máis forza."
O calendario inclúe tamén o concerto de corais de Aninovo no Mosteiro de Poio (2 de xaneiro), unha actuación de María do Ceo (21 de decembro) e a tradicional Papanoelada moteira da Rosa dos Ventos e a Papanoelada en bici organizada polo Poio Bike Club o domingo 20. O 6 de xaneiro celebrarase a Cabalgata de Despedida dos Reis Magos desde Poio.




