A situación de escaseza hídrica comeza a facer mella nos ríos galegos. A pesar de que os encoros de Eiras e Zamáns se manteñen en torno ao 85 por cento da súa capacidade, o que garante o abastecemento, o Concello xa aprobou a prealerta por seca. Esta medida busca fomentar o aforro de auga en baldeos, piscinas e duchas de praia.
O caso máis visible desta problemática é o do río Lagares, cuxo cauce se atopa nestes días ao límite da súa viabilidade no tramo final, especialmente a partir da zona de Castrelos. Unha situación similar rexístrase en Pontevedra co río Lérez, do cal a cidade toma auga para o seu abastecemento.
O pasado mes de xuño foi o segundo xuño máis seco do século, e xullo avanza con datos similares. Os primeiros días de xullo rexistraron unha temperatura récord de 39,1 graos, o que incrementa a evaporación. Augas de Galicia, o organismo xestor do río, monitoriza a situación do Lagares á espera da súa evolución.




