O colexio pontevedrés recibiu o recoñecemento pola mellor aplicación do Deseño Universal para a Ensinanza. O seu proxecto busca facer o eclipse accesible a través dun podcast, sonificación de fenómenos astronómicos, letreiros en braille, códigos QR e reproducións táctiles, utilizando recursos dos Polos Creativos como a radio escolar e a impresión 3D.
A iniciativa, que tamén inclúe un podcast de case cinco minutos gravado na radio escolar e cartelería multisensorial, emprega modelos táctiles do Sol, a Terra e a Lúa para traballar conceptos espaciais e aprendizaxe manipulativa. O obxectivo é conectar astronomía, percepción sensorial, tecnoloxía e deseño inclusivo, promovendo unha aprendizaxe activa e interdisciplinar.
Na provincia de Pontevedra tamén foron premiados centros de Vigo, Moaña e Vilagarcía. O IES Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcía obtivo un premio pola adaptación creativa dun instrumento astronómico cun planisferio celeste, mentres que o IES As Barxas de Moaña foi recoñecido pola súa creación dixital para realidade virtual sobre a eclipse.
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, destacou o potencial dos centros educativos e o compromiso coas metodoloxías activas. Subliñou que a educación científica é máis efectiva cando os estudantes son protagonistas e participan en proxectos reais. O encontro na Cidade da Cultura reuniu a preto de 500 estudantes, docentes e investigadores, e presentou as actividades de divulgación para o eclipse total do 12 de agosto.




