A Deputación de Pontevedra investiu máis de 80 millóns de euros na rede de estradas provinciais ao longo dos tres anos de goberno. O presidente destacou que se trata dunha das redes provinciais máis extensas de España, con 1.600 km de vías, e subliñou o traballo desenvolvido polo servizo de Infraestruturas para mellorar o mantemento, a conservación, a mobilidade e a seguridade peonil.
A deputada de Infraestruturas Públicas, Belén Cachafeiro, remarcou que se investiron máis de 80 millóns de euros na mellora substancial, conservación e mantemento das vías, cumprindo co encargo de non escatimar recursos para a seguridade das estradas provinciais.
Cachafeiro engadiu que o goberno é consciente da importancia destas vías para vertebrar o territorio e unir os núcleos rurais, por iso se están a investir recursos sen precedentes para garantir a seguridade de todos os usuarios, xa sexan camiñando, conducindo ou pedaleando.
Neste sentido, a deputada puxo en valor os 31 convenios asinados con concellos para mellorar a seguridade viaria e a mobilidade peonil, así como as 81 obras licitadas para mellora do trazado, drenaxe ou reposición do firme. Tamén se impulsaron 75 proxectos para optimizar a rede e existen acordos marco vixentes para a conservación das vías e a execución de cunetas de seguridade ao longo dos 1.600 km.




