A Xunta de Galicia activará mañá, domingo, a alerta laranxa por episodio de calor no interior de Pontevedra, segundo os datos de MeteoSalud e Meteogalicia. A alerta de Nivel 2 (laranxa) afectará a concellos como Agolada, O Campo Lameiro, A Caniza, Cerdedo Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.
Segundo as previsións de Meteogalicia, mañá domingo Galicia seguirá baixo a influencia das altas presións, con entrada dunha masa de aire cálido desde o sur peninsular. Agárdanse néboas matinais nalgúns puntos do interior, que darán paso a tempo seco e solleiro, cun ascenso das temperaturas, especialmente nos valores máximos.
Ante esta situación, recoméndase á organización de probas deportivas que adapten os horarios ás condicións específicas de cada zona, tomen medidas preventivas para minimizar o impacto das altas temperaturas na saúde e garantan a protección de deportistas e público.
A Consellería de Sanidade lembra que os principais grupos de risco ante os efectos da calor son as persoas maiores de 65 anos e menores de catro anos, persoas con patoloxías crónicas (cardiovasculares, respiratorias, renais, neurolóxicas, psiquiátricas), persoas que toman certos fármacos, maiores que viven sós, persoas en vivendas mal acondicionadas, con exceso de peso, traballadores e deportistas que pasan moitas horas ao aire libre.
Aconséllase beber máis líquidos, evitar bebidas quentes ou alcohólicas, aumentar o consumo de ensaladas e froitas, evitar comidas copiosas e manter a hixiene alimentaria. Tamén se recomenda usar roupa lixeira e clara, sombreiro, lentes de sol, calzado fresco e transpirable, permanecer en lugares frescos e ventilados, e ventilar a vivenda nas horas de menos calor.
Ademais, recoméndase non deixar nenos nin anciáns no coche coas xanelas pechadas. En caso de esgotamento ou golpe de calor, hai que solicitar axuda médica urxente chamando ao 061. Tamén se subliña a importancia de facer seguimento a parentes ou veciños que vivan sós.




