A intervención, que conta cun prazo de execución de 6 meses desde a sinatura da acta de comprobación da implantación, foi adxudicada á empresa Novavial, S.L.
Esta actuación, enmarcada no Plan Hurbe, busca completar o equipamento municipal mediante a urbanización da parcela que rodea o edificio, situado a carón da igrexa de San Miguel do Campo.
Os traballos incluirán a habilitación de accesos peonís e rodados, a execución de muros de contención de pedra, nova iluminación, mellora da sinalización, redeseño do mobiliario urbano e plantación de árbores.
Tamén se instalarán varandas, soterraranse as liñas de alumeado e tendido eléctrico, e xunto ao edificio instalaranse aparellos de exercicio saudables e unha pista de petanca.
A iniciativa realízase ao abeiro dun convenio entre a Xunta e o Concello. A Administración autonómica achegará o 51% do investimento e executará as obras, mentres que o Concello asumirá o 49% restante, xestionará os permisos e comprométese ao mantemento posterior.
O Plan Hurbe da Xunta apoia aos municipios en intervencións para completar equipamentos, mellorar a accesibilidade e transformar contornas urbanas.




