O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que o 100% dos concellos seleccionados para participar no Proxecto de residencias do Goberno autonómico xa formalizaron a súa adhesión a esta iniciativa. Este proxecto permitirá crear máis de 1.800 novas prazas en 25 centros, co obxectivo de achegar este servizo a municipios que ata agora non o tiñan e ampliar a rede de recursos galegos para as persoas maiores.
Na súa intervención en San Cibrao das Viñas, na que tamén estivo presente a conselleira de Política Social, Fabiola García, Rueda subliñou a colaboración entre administracións para mellorar os servizos aos cidadáns. Destacou que a iniciativa busca reforzar a rede de atención ás persoas maiores para que poidan elixir como e onde pasar esta etapa das súas vidas.
O proxecto suporá a posta en marcha de máis de 1.800 novas prazas, das cales polo menos o 60% serán públicas, en 25 concellos. A selección dos municipios tivo en conta a taxa de envellecemento, que fosen de menos de 25.000 habitantes e que non dispoñan de prazas residenciais públicas autonómicas para dependentes.
Os concellos teñen un ano de prazo para ceder unha parcela para a construción das residencias. A Xunta realizará o resto de trámites. Apostarase por un sistema de atención innovador, con lotes compostos por unha residencia de máis de 100 prazas e outra próxima de 30, para optimizar os servizos.
Rueda salientou que a Xunta aposta por crear "fogares" e non "macrocentros". Nas residencias con maior capacidade, os usuarios convivirán en grupos reducidos de entre 20 e 30 persoas para favorecer a familiaridade e a proximidade.
Estas novas residencias achegarán o servizo a municipios nos que aínda non existía e dinamizarán a economía local, coa previsión de xerar un milleiro de postos de traballo directos e outros 3.000 indirectos.
O presidente lembrou que a Xunta avanza no seu compromiso de poñer en marcha 3.500 novas prazas residenciais nesta lexislatura, e mencionou outras medidas como o Bono Coidado no Fogar, o Servizo de Axuda no Fogar ou a rede de 150 Casas do Maior.




