O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou hoxe a próxima convocatoria por concurso de méritos das 25 prazas vacantes de facultativo de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), co obxectivo de cubrilas de forma estable. Na reunión tamén participaron o xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Luis León, o director de Integración e Innovación Asistencial do Sergas, Alfredo Silva, e o xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba.
Esta convocatoria extraordinaria realízase grazas á reforma da Lei de medidas extraordinarias dirixidas á provisión de postos de difícil cobertura, impulsada pola Xunta e aprobada o pasado 7 de xullo no Parlamento galego. Esta lei considera de difícil cobertura as prazas de medicina de urxencias do complexo ourensán.
Co fin de captar o maior número de profesionais, a Xunta incentivará co triplo de puntuación o labor dos facultativos desta unidade. Actualmente, as necesidades de persoal están a ser cubertas con contratos de interinidade e un programa especial de apoio doutras áreas.
Gómez Caamaño agradeceu o esforzo dos profesionais do CHUO e dos desprazados doutras áreas, que manteñen a calidade asistencial. Lembrou que a Xunta traballa na mellora das condicións laborais e retributivas do persoal de sanidade pública, especialmente dos médicos de urxencias.
Desde 2024 incrementáronse 149 prazas e aprobáronse melloras laborais e retributivas, como o incremento do valor da hora da xornada complementaria e compensacións por quendas gravosas, que suporán unha mellora retributiva media duns 3.560 euros anuais por facultativo.
Galicia logrou fidelizar máis do 77% dos MIR que remataron este ano, ascendendo ao 84% na especialidade de medicina familiar e comunitaria. Ademais, este ano fórmanse 6 MIR en servizos de urxencias, e o próximo curso ofertaranse 725 prazas de formación sanitaria especializada, 24 delas para a nova especialidade de medicina de urxencias e emerxencias.




